Monday 29 de April de 2024

Mónica Martínez fala do deporte como un sinal de identidade coruñés


A concelleira de Deportes participou no IX Foro de Deporte para todos, que se celebrou hoxe na Facultade de Ciencias de Deporte e a Educación Física, organizado pola Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE)

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, participou esta mañá no IX Foro de Deporte Para Todos, que se celebrou hoxe na Facultade de Ciencias de Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, organizado pola Asociación Galega de Xestión Deportiva co apoio do Concello da Coruña.

Na súa intervención, a edila afirmou que iniciativas así axudan a comprender a vinculación do deporte “co que somos como persoas e o que somos como cidade”. Martínez apuntou que o deporte é un sinal de identidade coruñés: “Desde o Goberno local apostamos por un deporte que atenda a diversidade, que sexa inclusivo e solidario. Deste xeito, a súa práctica convértese nun instrumento de intervención social para integrar á veciñanza que se atopa en risco de exclusión”.

Baixo o lema “Deporte Social e Cidadán”, esta entrega contou cos relatorios de catro profesionais cunha grande experiencia no sector como Eduardo Blanco, Manuel Hernández, Carla da Silva e Juanma Murua, que analizaron a evolución das distintas especialidades no aspecto social e no desenvolvemento
humano, así como abordaron o deporte como un elemento de cambio do urbanismo actual.